Castellano Galego

​A REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES ABRE O 2017 DEDICADO Á CREADORA VIVARENSE MARUJA MALLO

Ampliar imaxe
Ampliar imaxe

Ampliar imaxeAmpliar imaxe
En Sesión Ordinaria celebrada o 2 de xullo, o plenario decidiu, por maioría, elixir a candidatura de Maruja Mallo para a celebración do “Día das Artes Galegas” do ano 2017. Nesta deliberación a Academia tivo en conta a importante significación do seu legado e da súa obra plástica, o seu contacto con artistas, escritores e intelectuais como Dalí, Lorca, Bretón ou Eluard, e a súa integración ás vangardas, así como o seu carácter transgresor e defensa dos dereitos da muller.
Por tanto a data do 1 de abril deste ano entrante, conmemoración do “DíA DAS ARTES GALEGAS” estará dedicado a ela e a Academia convida a todos os colectivos do ensino, culturais, etc… a que espallen aspectos desta creadora de vangarda. A Institución irá anunciando unha serie de actividades en relación coa vida e a obra da creadora vivarense. 
Para ver o currículum de Maruja Mallo premer acó

Polo seu aporte divulgativo recoméndase a visualización do documental "Maruja Mallo, metade anxo, metade marisco".
Director: Antón Reixa. Ano: 2010. Duración: 1h. 17 min. Documental producido por la SECC coa colaboración da Fundación Caixa Galicia e TVE. 
Ver documental 



MARTES 17 DE XANEIRO DE 2017
Conferencia: “DE MARUJA MALLO A ÁNGELA DE LA CRUZ. MULLERES DO SILENCIO” 
Conferenciante: Rosario Sarmiento Escalona
 
Esta charla é un recorrido pola mostra do mesmo titulo que actualmente se exhibe no museo MARCO de Vigo na que se revisa o papel que cumpriron algunhas artistas na historia da creación plástica  da Galicia contemporánea. Tomando como referente o acceso a unha formación académica que lles permite afianzar o seu carácter profesional,  percorreremos diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que acceden por primeira vez en Galicia aos seus estudos superiores, tras a creación da Escola de Belas Artes de Pontevedra en 1990.
     
                                                                                                            
MARTES 31 DE XANEIRO DE 2017
Documental: “MARUJA MALLO, METADE ANXO METADE MARISCO” 
Autor: Antón Reixa
 
Neste documental Antón Reixa explicará o proceso de elaboración do filme documental e como a personalidade de Maruja Mallo e a súa feminidade radical estaban mesmo por encima do seu grande valor artístico. Se cadra, non suficientemente valorado.
 
 
MARTES 7 DE FEBREIRO DE 2017
Conferencia: “MARUJA MALLO E A NOVA IDENTIDADE FEMININA” 
Conferenciante: Carlos Bernárdez
 
A vida e a obra de Maruja Mallo suxire o concepto de “nova muller”, que se desenvolve na sociedade e, nomeadamente, na cultura europea de entreguerras. Mulleres novas, con saias curtas e cabelos cortados ao garçonne e cigarro na man. Imaxe e mito dos dourados anos vinte. Debemos entender que estes aspectos, certamente, responden a unha realidade social deste tempo mais que a eles hai que sumar mudanzas e vontades de maior calado, entre as que cómpre sinalar que moitas mulleres, en particular as que proceden dos círculos intelectuais, artísticos e literarios, acrecentan a esta imaxe unha nova consciencia social, determinada sobre todo pola autonomía, pola transposición de barreiras e pola igualdade de dereitos.
As artes serán un dos ámbitos de actuación que fornezan á “nova muller” a posibilidade concreta de realización, aínda que con grandes dificultades e incomprensións. A obra pictórica da artista galega vai exemplificar como poucas estas ideas, xa que nela a muller, individual e colectivamente, vai ser o centro da creación, dotada de autoconfianza plástica, sen ningunha tentación de egocentrismo, senón movida por unha necesidade de seguir o instinto lúdico e formal na relación do eu coa imaxe plasmada na súa variada e rica produción. A actitude que asume a muller na obra de Maruja Mallo hai que ligala, xa que logo, á arela de emancipación da muller burguesa e á incorporación da muller ao mundo do traballo nas fábricas, que desde os anos da 1ª Guerra Mundial é moi relevante, quer en Europa, quer en América do Norte
 
 
MARTES 21 DE FEBREIRO DE 2017
Conferencia: “MARUJA MALLO Á LUZ DA MEMORIA. APROXIMACIÓN Á BIOGRAFÍA DUNHA MULLER LIBRE” 
Conferenciante: Carme Vidal
 
Cando Maruja Mallo regresa a Madrid despois dun longo exilio ten que inventarse de novo. O silencio impuxérase e xa ninguén lembraba aquela artista que participara da cultura emerxente e entusiasta dos anos trinta e transgredira as normas do seu tempo. Na intervención, farase unha aproximación á biografía de Maruja Mallo coa luz da memoria, atopándonos cunha muller cunha poderosa capacidade de crear, irreverente, valente, atrevida e moderna- E comprometida cos ideais de liberdade que a levaron ao exilio e que se reflicten na súa propia obra.
 
 
MARTES 21 DE FEBREIRO DE 2017
Conferencia: “MARUJA MALLO: ARTISTA COMPROMETIDA” 
Conferenciante: Carlos Nuevo Cal
 
A charla consistirá nunha rápida análise da evolución da vida e obra de Maruja Mallo, unha artista total cunha personalidade moi ampla e poliédrica, capaz de utilizar maxistralmente distintos rexistros complementarios: pintora, ceramista, escenógrafa, muralista, deseñadora, teórica da arte e innovadora de universal curiosidade. Igualmente, trataremos de explicar o seu particular proceso de concienciación e de compromiso político-social, así como as distintas influencias e relacións con diferentes persoeiros dos eidos artísticos e culturais, tanto español, como europeo ou americano

        

Fecha: 10/01/2017







Contacto  |  Aviso legal  |  

​SÁBADO 25 DE MARZO: INGRESO DE D. ÁLVARO SIZA VIEIRA COMO ACADÉMICO DE HONRA 21/03/2017
 
MARTES 28 DE MARZO. CONFERENCIA: “A PAISAXE E A ARQUITECTURA NOS DEBUXOS DE VIAXE” 20/03/2017
 
MARTES 7 DE MARZO CONCERTO A BENEFICIO DA “ASOCIACIÓN PARKINSON GALICIA-CORUÑA” 20/02/2017
 
​A REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES ABRE O 2017 DEDICADO Á CREADORA VIVARENSE MARUJA MALLO 10/01/2017
 
O MESTRE MATEO NO MUSEO DEL PRADO: UNHA INICIATIVA DA REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES 29/11/2016
 
ENTREGA DOS PREMIOS "MARCIAL DEL ADALID" 15/10/2016
 

Desarrollo web: Brigantia