Castellano Galego

BASES MEDALLAS “MARCIAL DEL ADALID”

En sesión ordinaria celebrada o día 30 de abril de 2005, a Real Academia Galega de Belas Arte, aprobou as Bases para a concesión dos Premios institucionais "Marcial del Adalid" en sustitución do anterior articulado en vigor dende o ano de 1970.

Ao obxecto de premiar o mérito persoal e a calidade artística, as presentes bases entrarán en vigor, por acordo corporativo o día 1 de outubro de 2005.

BASES

1ª.- Como estímulo á práctica musical non profesional, que de forma desinteresada e constante veñen realizando persoas e institucións de Galicia, mediante a súa participación e mantemento de agrupacións artísticas, a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, institúe o presente Premio de carácter honorífico, coa denominación de "Marcial del Adalid".

2ª.- O Premio "Marcial del Adalid" ten dúas modalidades:
a.- Premio persoal á constancia musical, consistente en Diploma e Insignia, cuxo coste correrá a cargo do galardoado.
b - Distinción para personalidades destacadas no campo da música non profesional e para agrupacións musicais, consistente en Diploma e Medallas de Ouro e Prata (ambas obsequio da Academia).

3ª.- Ao Premio "Marcial del Adalid" á constancia musical, na súa versión personalizada, poderán optar os membros das agrupacións non profesionais que, no momento de solicitalo acrediten unha permanencia nela, como mínimo de quince anos. Este tempo poderá tamén computarse coa permanencia de polo menos dez anos na agrupación actual e o resto noutras agrupacións.

4ª.- A Medalla de Ouro "Marcial del Adalid" será concedida en casos de extraordinario mérito a aquelas personalidades destacadas no campo musical, así como a corais, bandas, orquestras e agrupacións non profesionais que, de xeito notorio, contribúan ao auxe e esplendor artístico musical de Galicia, cunha consolidada traxectoria histórica e unha recoñecible calidade artística. A concesión será acordada en sesión ordinaria, por maioría de votos, previa proposta da institución solicitante ou dos propios académicos.

5ª.- A Medalla de Prata "Marcial del Adalid" será concedida en casos de extraordinario mérito a aquelas personalidades destacadas no campo musical, así como a corais, bandas, orquestras e agrupacións non profesionais que, de xeito notorio, contribúan ao auxe e esplendor artístico musical de Galicia, cunha consolidada traxectoria histórica e unha recoñecible calidade artística. A concesión será acordada en sesión ordinaria, por maioría de votos, previa proposta da institución solicitante ou dos propios académicos. Esta distinción poderá ser concedida como alternativa á solicitude á Medalla de Ouro, a xuízo da Academia.

6ª.- As personalidades e os colectivos aspirantes ás Medallas de Ouro e Prata "Marcial del Adalid", así como os membros solicitantes das distincións persoais do Premio "Marcial del Adalid", deberán formular a oportuna instancia dirixida ao Excmo. Señor Presidente da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, na que se consignará, ademais da data de ingreso nas respectivas entidades, unha sucinta relación de feitos e méritos artísticos dos interesados. Ás solicitudes das Medallas de Ouro ou Prata, deberá incorporarse o material audiovisual necesario para evaluar os méritos e a calidade artística da agrupación.

7ª.- Unha vez recibida na Real Academia Galega de Belas Artes, as solicitudes de concesión dos Premios "Marcial del Adalid" deberán ser informadas por un membro numerario da Academia designado polo Excmo. Señor Presidente, logo de solicitar os datos necesarios.

8ª.- Verificada a dilixencia anterior, o expediente, en forma de proposta, será sometido á consideración da Academia, que en sesión ordinaria haberá de decidir a súa aprobación ou desestimación, segundo proceda con arranxo ao preceptuado nestas Bases. Para iso, nos casos da concesión das Medallas de Ouro e Prata "Marcial do Adalid", analizarase o material audiovisual acreditativo da calidade artística do solicitante. Esta función poderá desempeñala no seu caso, a xuízo da Presidencia da Academia, a Sección de Música.

9ª.- Aprobada a concesión do Premio "Marcial del Adalid" en calquera das súas modalidades, a Academia expedirá o Diploma acreditativo, selado e asinado polo Presidente e Secretario. A entrega dos Diplomas, Insignias e Medallas de Ouro e Prata, será efectuada polo Excmo. Señor Presidente da Real Academia ou membro da mesma en quen delegue.

10ª.- O Diploma do Premio "Marcial del Adalid" acredita o dereito ao uso da Insignia e das Medallas de Ouro ou Prata.

11ª.- Os actos públicos ou privados que se celebren para a entrega dos Premios "Marcial del Adalid", poderán ser organizados polas institucións solicitantes, de común acordo coa Real Academia Galega de Belas Artes. A Coruña, 30 de abril de 2005

Fecha: 08/01/2007







Contacto  |  Aviso legal  |  

"DÍA DAS ARTES GALEGAS" - Introducción e Regulamento 07/04/2015
 
REGULAMENTO MEDALLA DE HONRA 12/03/2010
 
BASES MEDALLAS “MARCIAL DEL ADALID” 08/01/2007
 
BASES DO SALON DE OUTONO DE PINTURA 07/01/2007
 

Desarrollo web: Brigantia