Castellano Galego

"DESCUBRINDO A CATEDRAL. MESTRE MATEO"

Ampliar imaxe
Ampliar imaxe

Ampliar imaxe
O xoves día 20 de xullo quedou aberta no Pazo de Xelmírez de Santiago de Compostela a exposición Mestre Mateo, sobre o traballo do xenial artista na Catedral de Santiago, que vén ser unha continuación da organizada no Museo do Prado de Madrid. Ao acto de inauguración que tivo lugar no Salón de Cerimonias do Pazo de Xelmírez,  asistiron don Julián Barrio Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela; don Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; don Santiago Villanueva Álvarez,  delegado do Goberno en Galicia; don Segundo Leonardo Pérez López, deán da Catedral de Santiago; don Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral; don Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; don Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega e don Ramón Yzquierdo Peiró, director técnico do Museo Catedral de Santiago e comisario da mesma, entre outras autoridades. A mostra organizada pola Fundación Catedral de Santiago, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Museo Nacional del Prado, coa colaboración da Xunta de Galicia, permanecerá aberta ata o 23 de febreiro de 2018.

Nela, por primeira vez, poderán verse esculturas reunidas de novo desde a desaparición da fachada mateana do Pórtico da Gloria. En especial destaca a figura masculina con cartela, recentemente descuberta durante as obras de restauración da Torre das Campás e que, tras o seu paso temporal polo Museo del Prado, regresa á basílica compostelá. Este achado supuxo un avance extraordinario no coñecemento da actividade compostelá do Mestre Mateo. Xunto a elas chegou desde a pinacoteca madrileña un frontal con escenas do Neno Xesús, táboa anónima do século XIII. Ademais, incorpórase ao discurso expositivo a escultura de Santiago o Menor, que se sitúa no acceso da cripta do Pórtico da Gloria, como exemplo do influxo do obradoiro do Mestre Mateo nos séculos posteriores. A escultura, que foi obxecto de restauración, poderá contemplarse por primeira vez fóra do seu emprazamento habitual.

Estamos, por tanto, ante unha exposición monográfica temporal con obras do Mestre Mateo pertencentes ás coleccións de arte da Catedral, ás que se incorporan pezas doutros prestadores externos, de maneira que se ofrece ao visitante unha oportunidade única de coñecer en profundidade un período dourado na historia da basílica, comprendido entre os anos 1168 e 1211.

Esta exposición conseguiu reunir de forma excepcional unha selección de pezas que foron retiradas do seu emprazamento orixinal (a fachada occidental e o coro da catedral) e que se conservan no propio museo da basílica xacobea e en distintas institucións e coleccións particulares. Organízase en cinco ámbitos expositivos: O Mestre Mateo, o proxecto de Mateo para a Catedral, o Pórtico da Gloria e a súa fachada exterior, o Coro Pétreo e a herdanza de Mateo.

O acceso está incluído en calquera das modalidades de visita do Museo da Catedral de Santiago no horario habitual do Museo (Abril-outubro: 9 h a 20 h / Novembro-marzo: 10 h a 20 h).

Catálogo
O catálogo que acompaña á exposición contou coa participación de recoñecidos especialistas como José Carlos Vale Pérez e Ramón Yzquierdo Perrín, ambos Académicos de Número da Real Academia Galega de Belas Artes, así como de Manuel Antonio Castiñeiras, da Universidade Autónoma de Barcelona, e do comisario da exposición, Ramón Yzquierdo Peiró, director técnico do Museo Catedral.

O Mestre Mateo e a Catedral de Santiago
A figura do Mestre Mateo está asociada de maneira exclusiva á catedral de Santiago de Compostela, meta de miles de peregrinos que acudían -e acoden- ata ela para render culto ao apóstolo Santiago. Polo menos desde 1168, data de concesión dunha pensión vitalicia por parte do rei Fernando II de León, Mateo atopábase á fronte das obras do templo compostelán, cuxa construción comezara en 1075 e non finalizaría ata 1211.Mateo e o seu equipo levaron a cabo importantes obras en tres campos destacados: a denominada "cripta", situada baixo o Pórtico da Gloria, o propio pórtico e a desaparecida fachada occidental. Levou a cabo ademais un coro pétreo que se instalou nos catro primeiros tramos da nave central da igrexa. A fachada foi modificada a mediados do século XVI e substituída no século XVIII pola actual do Obradoiro, mentres que o coro foi substituído a comezos do século XVII por outro de madeira. Diversas esculturas deses conxuntos foron reaproveitadas na propia catedral e outras pasaron a mans particulares.

Esta exposición reúne de forma excepcional varias desas pezas que na actualidade pertencen a diferentes museos e coleccións privadas. Réndese así unha merecida homenaxe ao extraordinario obradoiro creado en torno ao Mestre Mateo, director das obras da catedral "desde os cimentos", como el mesmo quixo deixar gravado en pedra nas limeiras do Pórtico da Gloria, colocadas o 1 de abril de 1188.

Descubrindo a Catedral
Esta exposición enmárcase, e vén poñer en marcha, o programa de difusión cultural Descubrindo a Catedral, impulsado pola Fundación Catedral de Santiago. Trátase dunha iniciativa que pretende poñer en valor todo o relacionado coa arte e a historia da basílica xacobea, especialmente relacionado coas obras de restauración que se están levando a cabo nela e que están a permitir profundar e mellorar o coñecemento sobre a súa construción e a súa significación espiritual.

Para ver dossier informativo premer acó

Para ver folleto galego-inglés premer acó

Fecha: 18/07/2017







Contacto  |  Aviso legal  |  

"DESCUBRINDO A CATEDRAL. MESTRE MATEO" 18/07/2017
 
​O ARQUITECTO ALEJANDRO DE LA SOTA MARTÍNEZ SERÁ O HOMENAXEADO POLA REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES NO DÍA DAS ARTES GALEGAS DO ANO 2018 01/07/2017
 
O ARQUITECTO DON MANUEL GALLEGO JORRETO NOMEADO ACADÉMICO DE HONRA 01/04/2017
 
INGRESO DE D. ÁLVARO SIZA VIEIRA COMO ACADÉMICO DE HONRA 30/03/2017
 
ENTREGA DOS PREMIOS "MARCIAL DEL ADALID" 15/10/2016
 

Desarrollo web: Brigantia