Castellano Galego

​A ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES DEDICARÁ O DÍA DAS ARTES GALEGAS, 1 DE ABRIL DO 2019, A LUÍS SEOANE

Ampliar imaxe
Ampliar imaxe

Ampliar imaxe
A Real Academia  Galega de  Belas Artes (RAGBA) celebrou o pasado sábado, 30 de xuño, Sesión Ordinaria no salón Reitoral do  Colexio de San  Xerome de Compostela, xuntanza na que decidiu, por aclamación,  homenaxear  ao longo do 2019, e en especial, o Día das Artes Galegas (1 de abril)  a Luis Seoane López (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979), unha proposta subscrita por académicos e varios colectivos culturais de Galicia.

Os actos de recoñecemento que se organizarán durante o vindeiro ano, servirán para profundar e difundir a figura de Luis Seoane, tanto como teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante ou pintor, esencial no Laboratorio de Formas de Galicia e da nova imaxe de Galicia baseada na interacción tradición-innovación a través das “industrias da memoria” (Sargadelos, O Castro, etc).

A iniciativa desta efeméride naceu da RAGBA no ano 2015, celebrando ao Mestre  Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición de 2018 a figura homenaxeada foi o arquitecto do Movemento Moderno Alejandro da Sota.
 

Gran dinamizador da cultura galega no exilio (1)

A vida de Luis Seoane (Buenos Aires 1910-A Coruña 1979) foi unha longa viaxe á través do século XX. Formado na época da dictadura de Primo de Rivera, loitador nos anos da República, fuxido en 1936, organizador e promotor da vida cultural no exilio, viaxeiro polo mundo e atento aos múltiples discursos que ía xerando a súa época, Seoane foi testemuña de excepción deste século axitado e convulso. A súa obra, vasta e diversificada, o seu pensamento aberto, as súas iniciativas, convérteno nun personaxe destacado no panorama da cultura galega e española do século XX, que axudou a construír co seu esforzo, o seu talento e o seu compromiso.

En 1910 nace en Bos Aires, nun fogar de emigrantes galegos. En 1916 volve cos seus pais a Galicia, instalándose en A Coruña, onde realiza os sus primeros estudos. Xa na década dos vinte, trasládase a Santiago de Compostela, onde estuda bacharelato e se licencia en Dereito e Ciencias Sociais en 1932. Milita en partidos de esquerda republicana e autonomista entre 1927-1933. Nesa época ilustra libros e revistas e realiza as súas primeiras exposicións. En 1934 trasládase a A Coruña, onde exerce como abogado laboralista. Ademais, comparte amizade e tertulias con Huici, Cebreiro, Fernández Mazas, Del Valle, Julio J. Casal, Francisco Miguel…, e ingresa no Partido Galeguista. En 1936 participa na campaña do Estatuto de Autonomía. Ao estalar a guerra agóchase, e en setembro fuxe a Bos Aires. En 1937 publica o seu primero libro, “Trece estampas de la traición”.
 
En 1940 funda as coleccións “Hórreo” e “Dorna” en EMECÉ Editores e en 1943 a revista Correo Literario e a Editorial Nova, e en 1948 funda a editorial Botella al Mar.

Entre 1952 e 1962 realiza exposicións en Nova York e funda a revista Galicia Emigrante e a editorial Citania. Recibe a medalla da Exposición Universal de Bruxelas e do Senado da Nación Arxentina (1958) e o Premio Palanza (1962).  Entre 1963 e 1979 realiza exposicións en España, Alemaña, Italia, Suíza, Brasil… É co fundador de Sargadelos e o Museo Carlos Maside.

A obra de Seoane é unha simbiose entre o afán por evocar a arte tradicional de Galicia, manifestado a través dos petroglifos e da enorme presenza do románico, e a arte das vangardas históricas, admiradas polo pintor galego xa desde a súa etapa como estudante de dereito en Santiago de Compostela. Luis Seoane foi autodidacta na súa apredizaxe plástica, a súa curiosidade e admiración pola Galicia dos seus antepasados e pola arte en xeral foron os motores do seu coñecemento. Os soportes utilizados para expresar a súa creatividade, alén da práctica da pintura, van desde o gravado en todos os seus aspectos (xilografía, litografía, etc.), o debuxo, o muralismo, o deseño gráfico (carteis, portadas de libros) e incluso o labor editorial. 

Na súa primeira etapa como pintor e debuxante viuse influído polo expresionismo alemán (Grosz, Otto Dix), os estudos de Lissitstzky, a metodoloxía da Bauhaus e, en maior medida, polo traballo de Pablo Picasso. Entre as súas primeiras obras destacan os seus espidos femininos e os retratos de campesiños no medio da paisaxe dunha Galicia utópica.
A partir dos cincuenta a súa obra evolucionará cara unha pintura na que o escenario xa non ten o protagonismo de antano e redúcese o sentido da profundidade. Os achados técnicos que lle proporcionan a realización de murais levarano ao redor dos anos sesenta a expresarse por medio dunha pintura plana de fortes contrastes de cor e dun grafismo que superponse á obra pictórica, cargando a súa obra de gran forza sintética, levándoa cara unha deconstrución da imaxe que suporá o cenit da súa etapa de madurez.

Independentemente da práctica pictórica, do debuxo e das súas investigacións no eido do gravado, Seoane merece ser lembrado como o gran dinamizador da cultura galega no exilio. Fundador da editorial Botella al Mar, voz da emigración a través de revistas como Galicia Emigrante, todo ese traballo culminaría na creación, xunto a Isaac Díaz Pardo, do grupo Sargadelos. A súa estética marcará un antes e un despois na historia das artes plásticas en Galicia.
 
(1) Biografía oficial da Fundación Luis Seoane. Fotografías Arquivo Xosé Díaz

Fecha: 01/07/2018







Contacto  |  Aviso legal  |  

​ACTO DE INGRESO DE D. DANIEL LORENZO SANTOS COMO ACADÉMICO NUMERARIO DA REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES 02/07/2018
 
​A ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES DEDICARÁ O DÍA DAS ARTES GALEGAS, 1 DE ABRIL DO 2019, A LUÍS SEOANE 01/07/2018
 
A ESCULTORA SOLEDAD PENALTA E A PINTORA MENCHU LAMAS, NOVAS ACADÉMICAS DA GALEGA DE BELAS ARTES 26/05/2018
 
MEDALLA DE OURO “MARCIAL DEL ADALID” Á CORAL POLIFÓNICA “EL ECO” DE A CORUÑA 25/05/2018
 
"DÍA DAS ARTES GALEGAS 2018" DEDICADO A ALEJANDRO DE LA SOTA 16/04/2018
 
CONCERTOS BENÉFICOS. SÉTIMA TEMPADA 2017/18 01/12/2017
 

Desarrollo web: Brigantia