Castellano Galego

DONA SOLEDAD PENALTA LORENZO INGRESOU O PASADO 27 DE OUTUBRO NA REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES

Ampliar imaxe
Ampliar imaxe

Ampliar imaxe
A escultora dona Soledad Penalta Lorenzo (Noia, 1943) pronunciou o pasado día 27 de outubro, o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académica numeraria da Sección de Escultura. O acto, que se celebrou no Teatro Coliseo Noela de Noia, estivo presidido polo titular da RAGBA, don Manuel Quintana Martelo.
 
O presidente da RAGBA sinalou que dona Soledad Penalta Lorenzo ingresou polos seus méritos e a súa excelencia, axudando así a cumprir unha débeda pendente da institución para achegarse a un “equilibrio de igualdade” no seu pleno. “Soledad Penalta é unha muller de firmes conviccións que se reflicten na súa obra, sensible e preocupada por atopar sempre ese diálogo entre o seu traballo e o espectador, unha muller que respecta e faise respectar, e todo iso con modestia e afabilidade, traballo e esforzo, calidades que son necesarias para quen parece que somete o metal a súa vontade creativa e narrativa, que escribe con letra de ferro, expresiva e contundente, feitos que non teñen nada de sinxelos” –explicou o presidente–.
 
Honrada pola elección da RAGBA e aceptando a responsabilidade de defender as artes galegas como académica, dona Soledad Penalta Lorenzo comezou a ler o seu discurso solemne, titulado “Cal é a  carga precisa da pregunta?”. Antes de relatar as súas lembranzas e facer un percorrido polo seu proceso de experimentación artística, a escultora compartiu co público unha importante premisa dos seus pais: “Eles ensináronme a mirar e mirando aprendín a ver”.
 
Dona Soledad Penalta Lorenzo fixo unha mención especial ao patrimonio artístico escultórico da súa vila natal, que sempre destacou por ser berce de grandes personaxes da plástica, literatura, música e outras vertentes artísticas e que este ano celebra o 850 aniversario da concesión da Carta Pobra polo rei Fernando II de León.
 
Na súa narración, a escultora –tataraneta de Andrés Castaño, escultor de cruceiros, petos e igrexas coñecido polo “Vello Santeiro de Chave”–, reflexionou sobre a influencia da estrutura xenética na capacidade de crear arte. “Un 20% do  que somos é sinalización xenética e o restante é resultado da interacción continuada co medio” –manifestou–.
 
Rememorando a súa infancia en Noia, a académica sinalou os principais lugares que marcaron a súa nenez e o descubrimento do gusto por ver o espazo, o seu equilibrio, a proporción, a escala ou a simetría. Destacou principalmente a rúa Carreiriña ou rúa do Escultor Ferreiro –un importante escultor noiés, representante do Neoclasicismo galego–; os momentos vividos no río Trabas; o cemiterio de Santa María a Nova ou do Don como patio de xogos detrás da súa casa, coa igrexa gótica do século XIV e parte románica do século XII –hoxe reconvertida en museo coa colección de laudas gremiais máis importante do mundo–; ou algunhas tardes de xogo ao carón do monumento a Felipe de Castro na Alameda, ilustre escultor noiés do rei Fernando VI e director de escultura da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
 
Tras estudar primeiramente no colexio Trinitarias da vila, dona Soledad Penalta Lorenzo trasladouse a Santiago a cursar o bacharelato. Aínda que de cativa non cursou clases de debuxo, os seus primeiros pasos foron a través dun curso da colección “Cuadernos Parramón” a onde enviaba as láminas para que llas corrixiran. “Así comecei a ter capacidade de xestar e botar a voar imaxes, crear e recrear espazos de fábula” –compartiu cos presentes–.
 
 
Dilema entre o “ti debes” e o “eu quero”
 
Coas dúbidas habituais da mocidade, dona Soledad Penalta Lorenzo iniciou estudos de Farmacia e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, pero finalmente deixounos e formou a súa propia familia. Xa en 1972 trasládase a Barcelona onde entra en contacto coa cerámica e decide profundar nas posibilidades deste material, e a partir de aí coñece a grandes profesionais que a axudan a incrementar o coñecemento dos materiais, o seu procesamento cerámico e o seu comportamento na escultura.
 
Nesta época, a escultora atopa a solución para facer esculturas sen límite cerámico, sen baleirado, con liberdade para construír un forno para cada peza e alcanzar os 1.200 °C, fórmula coa que realizou grandes formatos con gres e refractario. Aquí comezan a chegar os recoñecementos, e recibe unha bolsa de formación da Deputación da Coruña en Minneapolis, en Estados Unidos, onde grazas aos seus traballos dos fornos de alta temperatura fabricados individualmente para cada escultura, foi invitada a entrar no departamento de fundición da Facultade de Arte da Universidade de Minnesota onde aprende a fundir os metais durante dous cursos.
 
Deixando a cerámica de lado e adentrándose no metal fundido, dona Soledad Penalta Lorenzo regresa Galicia e traballa nesta nova disciplina que pronto tivo que abandonar pola súa toxicidade, que lle ocasionou certos problemas de saúde. Pero sen perder impulso, a escultora aproveita os seus coñecementos de soldadura e inicia unha nova andaina. “A escultura está obrigada a dar sempre a cara, atenta a todo o que ao seu arredor se move e a fai viva, a utilizar o tempo, tamén un xesto, unha cor, unha palabra, en contemplación ou en nada” –considerou–. E en canto á figura do escultor, dona Soledad Penalta Lorenzo argumentou que a relación dialéctica entre a busca dunha linguaxe, a postura vital e o contorno compoñen o “gran pano de fondo onde cada creador recita o seu papel”, onde existe ese momento de soño ao que a arte fai durar máis. “O feito da existencia vaise traducindo en idea escultórica e esta en experiencia escultórica que é a que importa” –asegurou–.
 
 
E centrándose na creación, dona Soledad Penalta Lorenzo incidiu en que a escultura é linguaxe, do espazo, contorno, liña, forma, textura, cor, da relación entre espazo e lugar, afirmando que “a creación implica anos de traballo e experimentación, longas horas de soidade e silencio onde crear é un acto de soñar”.
 
O manuscrito, característica identitaria
 
Ante a súa incesante necesidade de evolución, dona Soledad Penalta Lorenzo abriu co uso do plasma en soldadura un “fascinante e inesperado” campo de creación. E de seguido, a escultora apuntou como introduciu nas súas pezas o manuscrito directamente coa súa letra, elemento que se foi incorporando de xeito indisoluble a súa escultura e que actualmente é sen dúbida unha característica identitaria da súa obra, e que orixina, co resto de fitos da súa traxectoria, unha viaxe evolutiva polos diversos materiais: da cerámica, á pedra, bronce, ferro e agora ao aceiro manuscrito.
 
Os libros escultóricos da creadora de formas Soledad Penalta
 
Como contestación ás palabras de dona Soledad Penalta Lorenzo, o membro numerario da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía da Real Academia Galega de Belas Artes, don Felipe- Senén López Gómez, loou a vida e obra da escultora, á que cualificou como “auténtica” pola orixinalidade que acouga na súa orixe –marcada polo seu antepasado tamén escultor– e o transcorrer da súa infancia en diversos escenarios senlleiros da vila de Noia.
 
O académico describiu á escultora como unha creadora de formas que sempre desafía á terra e ao tempo, aos materiais e ás modas e se enfronta ás láminas de aceiro. “Nas formas, nas mesmas palabras sinxelas, lineais, abstractas ou abarrocadas da obra de Soledad Penalta descubrimos as súas raiceiras, a orixe na que radica a súa orixinalidade, canto de xeito consciente e inconsciente se reflicte nela. Orixes que acougan nesta súa Noia, sempre de ida e volta, a carón dos cruceiros e das campas sigladas de Santa María a Nova, ás que miraba desde a súa casa, sumando todo ese periplo que mesmo caracteriza ás xentes de Noia: desde esta súa Itaca abríndose ao mundo e ao pano do devalar das formas” –relatou–.
 
Con estes e outros recordos da traxectoria de dona Soledad Penalta Lorenzo, don Felipe-Senén López Gómez deu a benvida á Real Academia Galega de Belas Artes á primeira muller numeraria na Sección de Escultura. “O seu aporte galego, a súa sensatez, o seu saber será fundamental na historia dunha Academia na que as mulleres compartiron escano e inquedanzas cos máis numerosos académicos, para trazarmos unha nova historia que se asume e que tamén emenda erros dentro dos seus camiños que son coidar, estudar, divulgar as artes e sempre, desde estas tradicións, crear” –indicou–.

Fotografías: Vía Láctea

Fecha: 01/10/2018







Contacto  |  Aviso legal  |  

LUNS 17 DE DECEMBRO. PRESENTACIÓN DA PUBLICACIÓN “MELODÍAS GALEGAS DE JOSÉ BALDOMIR RODRÍGUEZ” DA AUTORÍA DE MARGARITA VISO SOTO. 07/12/2018
 
MARTES 18 DE DECEMBRO. RECITAL DE PIANO A CARGO DE JULIO MOURENZA. 06/12/2018
 
DONA CARMEN LAMAS PÉREZ (MENCHU LAMAS) INGRESOU COMO ACADÉMICA DE NÚMERO DA SECCIÓN DE PINTURA E GRAVADO 01/12/2018
 
DONA SOLEDAD PENALTA LORENZO INGRESOU O PASADO 27 DE OUTUBRO NA REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES 01/10/2018
 
XOVES 25 DE OUTUBRO. "MERCEDES GOICOA: MÚSICA PARA VIVIR". XORNADA ARREDOR Á FIGURA DA PRESIDENTA DE HONRA DA ACADEMIA NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA 29/09/2018
 
ENTREGA DA MEDALLA DE OURO “MARCIAL DEL ADALID” Á CORAL POLIFÓNICA “EL ECO” DE A CORUÑA 28/09/2018
 
ROTEIROS DE ARQUITECTURA POLA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 27/09/2018
 
​A ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES DEDICARÁ O DÍA DAS ARTES GALEGAS, 1 DE ABRIL DO 2019, A LUÍS SEOANE 01/07/2018
 
A ESCULTORA SOLEDAD PENALTA E A PINTORA MENCHU LAMAS, NOVAS ACADÉMICAS DA GALEGA DE BELAS ARTES 26/05/2018
 
"DÍA DAS ARTES GALEGAS 2018" DEDICADO A ALEJANDRO DE LA SOTA 16/04/2018
 
ENTREGA DOS PREMIOS “MARCIAL DEL ADALID” A 15 MEMBROS DA «CORAL POLIFÓNICA DA CONFRARÍA DE PESCADORES SAN MARTIÑO» DE O GROVE (PONTEVEDRA) 14/04/2018
 

Desarrollo web: Brigantia