• Prza. Pintor Álvarez Sotomayor 1
    15001 A Coruña
  • De Luns a Venres: 9:00 - 16:00
    Horario de inverno

HISTORIA

Historia da RAGBA

A Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, con sede na Coruña, é unha das trece creadas en España polo Real decreto do 31 de outubro de 1849, entón coa denominación de Academia Provincial de Belas Artes. Posúe o título de real dende o 12 de xullo de 1916; o 14 de abril de 1947 foi oficialmente autorizada para poñerse -segundo é tradicional entre as academias- baixo a advocación da Virxe do Rosario, patroa da cidade da Coruña, e pola Orde ministerial do 31 de xaneiro de 1984 (BOE do 24 de marzo de 1984) autorízase o cambio de denominación pola de Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.

O seu actual regulamento, aprobado por la Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia (Decreto 34/2018, de 1 de marzo, publicado no D.O.G. de 22 de marzo de 2018) , substitúe ao aprobado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia (Decreto 141/2004, de 25 de xuño, publicado no D.O.G. do 7 de xullo de 2004), e ao aprobado polo Ministerio de Educación y Ciencia (Orden ministerial do 2 de outubro de 1990, publicada no BOE do 6 de outubro de 1990), e facúltaa, como institución oficial consultiva da Administración, para actuar en todo o relativo á protección, acrecentamento e transmisión ás xeracións futuras dos bens culturais, segundo o previsto no artigo 32 da Lei 16/1985, de patrimonio histórico español, así como para promover e realizar estudos de investigación e fomentar o desenvolvemento das manifestacións artísticas dentro de Galicia.

Foron presidentes da corporación os señores: don Domingo Antonio Lóriga y Reguera, don Ubaldo Chicharro García, don Faustino Domínguez Domínguez, don Faustino Domínguez Coumes-Gay, don Emilio Fernández Deus, don Jaime Ozores de Prado (Marqués de San Martín de Ombreiro), don José María Ozores de Prado, don Rafael González Villar, don Francisco Piñeyro y Diago (Conde de Canillas), don Ángel del Castillo López, don Manuel Chamoso Lamas, don Carlos Martínez-Barbeito e Morás, don Julio Antonio Fernández Argüelles, dona María del Villar Mateo de Arenaza (en funcións) , dona María de las Mercedes Goicoa Fernández. Foron presidentes de honra, don Eusebio da Guarda y González, don Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza, don Carlos Martínez-Barbeito y Morás, e a título póstumo don Manuel Chamoso Lamas.

En 1898 pasou a celebrar as súas sesións no pazo do Real Consulado do Mar, e no ano 1913 instalouse definitivamente nel, onde actualmente ten a súa sede oficial corporativa. En 1938, o pazo do Real Consulado do Mar foi destinado para Museo Provincial de Belas Artes e sede da Real Academia de Belas Artes.

A relación directa da Real Academia de Belas Artes con outras institucións prodúcese moi pouco tempo despois da súa creación. Unha das máis importantes é a que determinou a creación, en 1854, dos estudos de belas artes, e especialmente os de carácter máis elemental, que constituíron a iniciación da escola de belas artes, logo artes e oficios artísticos, a cal dependía da Real Academia de Belas Artes.

Tamén foi misión primordial desta Real Academia de Belas Artes a creación dun museo provincial como principal complemento dos estudos de belas artes. En 1902 tomouse o acordo corporativo de efectuar as xestións precisas para a súa creación. Esta xestións, suxeitas a cambios políticos, unhas veces, ou a dificultades económicas, outras, resultaron infrutuosas entón, ata que, por fin en 1938, o Estado cedeu o pazo do Real Consulado do Mar para sede do Museo Provincial de Belas Artes (creado este pola Real orde do 24 de marzo de 1922, Gaceta de Madrid do 31 de marzo de 1922) e da Real Academia de Belas Artes. No ano 1986 quedou tamén integrada a academia no Instituto de España.

A ACADEMIA HOXE

A Real Academia Galega de Belas Artes depende da Xunta de Galicia e está constituída por catro categorías de Académicos: Numerarios, Correspondentes, Honorarios e Supernumerarios.

A Academia está composta, na actualidade, por sete seccións: Pintura e Grabado,
Escultura, Arquitectura, Música, Arqueoloxía e Museoloxía, Artes da Imaxe, e Expertos nas Artes
. Cada sección pode contar cun número máximo de cinco Académicos Numerarios. Celebra sesións ordinarias de forma mensual, e extraordinarias para asuntos de especial relevancia.

La Academia ven desenrolando toda unha serie de actividades, tal como fixan os seus estatutos:

- Información e asesoramento institucional á Xunta de Galicia e organismos públicos sobre patrimonio e bens artísticos, a afectos de catalogación, protección ou adquisición, denuncias o información pública sobor o estado e conservación do patrimonio de Galicia.
- Organización de cursos, ciclos de conferencias, audicións musicais, conciertos i exposicións de belas artes, contando con seus propios fondos.
- Organización do Salón de Outono de Pintura: certame de pintura contemporánea de recoñecido prestixio, con carácter internacional e bienal. Con edición de catálogo.

Posúe unha biblioteca especializada en arte. No ano 1989 creouse o Arquivo Musical de Galicia, coa finalidade de contar cun fondo de documentación e información. Así mesmo, a partir de 1991, como consecuencia do incremento dos fondos sobre patrimonio artístico, así como varios legados fotográficos, entre os que destaca o do historiador don Manuel Chamoso Lamas, organizouse o Arquivo de Imaxes, de importante valor para a historia, a investigación e a documentación da arte galega.

A academia concede, como a súa máxima distinción, a Medalla de Honra en recoñecemento ao labor desenvolvido por persoas ou entidades públicas ou privadas no cultivo, fomento, protección e defensa das belas artes en Galicia. Tamén outorga a Medalla Marcial del Adalíd, nas súas categorías de ouro e prata, para premiar a contribución ao auxe e mantemento artístico da música por corporacións e membros non profesionais das distintas agrupacións de Galicia.

Ademais de publicar catálogos das exposicións realizadas, dos seus Arquivos Musical e de Imaxes, así como dos discursos de ingreso dos Académicos, edita como órgano de difusión a revista corporativa Abrente,de edición anual onde se informa das actividades académicas, con artigos, investigacións i ensaios sobor as distintas artes.
01. Real decreto creacion de academias Provinciales de Bellas Artes.31-10- 1849
01. Real decreto creacion de academias Provinciales de Bellas Artes.31-10- 1849