• Prza. Pintor Álvarez Sotomayor 1
    15001 A Coruña
  • De Luns a Venres: 9:00 - 16:00
    Horario de inverno

Fondos

Inventario patrimonio artístico académico

PINTURA

A Real Academia de Belas Artes dispón dunha importante colección de pintura española e galega dos séculos XVIII ao XX. Autores como Román Navarro, Fernando Álvarez de Sotomayor, Enrique Saborit, Francisco Lloréns, Abelenda Zapata, Alejandro Ferrant, Pardo Reguera, Vaquero Turcios, Anglada Camarasa, Gómez Plasencia, Pérez de Castro, Imeldo Corral, Carlos Maside, Carlos Sobrino, Jesús G. Concheiro, Luis Mosquera,María del Carmen Corredoyra, Julia Minguillón, Seijo Rubio, Jaime Ozores, Mª Victoria de la Fuente, José Luis Rodríguez, , Antonio Tenreiro, Tomás Barros, José María Labra, José Leyra Domínguez Fernández Argüelles, Mateo de Arenaza, Felipe Criado, Rafael Úbeda, Manuel Moldes ou Manuel Quintana Martelo, entre outras firmas, integran a pinacoteca da Real Academia.

Dada a limitación de espazos expositivos na sede académica(Edificio do Consulado) actualmente atópanse depositadas no Museo de Belas Artes da Coruña obras representativas de importantes pintores académicos como Román Navarro, Álvaro Cebreiro, Bello Piñeiro, José Luis Rodríguez, Mariano Yzquierdo, López Carballo, Alfredo Souto Cuero e Fernández Cabrera, así como de outros ilustres artistas: Germán Taibo, Jesús Corredoyra, Joaquín Rey, Vicente Díaz e Jaime Morera.

A Academia reún na actualidade unha nova colección de pintura contemporánea pertencente ás obras premiadas nos diferentes Salóns de Outono de Pintura, organizados pola Institución de forma bienal. Valores contemporáneos como Ángel Cerviño, Rafael Romero Masiá, Rosa Amaral, Victoriano Fernández, José Ramón Morquecho, Paz de la Calzada, Manuel Patinha, Yolanda Martínez Dorda, Darío Álvarez Basso e Calo Carratalá ou incluso autores de disciplinas artísticas diferentes á pintura como Vari Caramés ou Luis Gabú, testemuña dos cambios producidos nas últimas décadas na arte contemporánea.

Así mesmo a Academia conta cunha colección de debuxos de Bello Piñeiro, Carlos Sobrino, José María de Labra, Concheiro, Seijo Rubio, Laxeiro, González Collado, Fernando Cortés, José Creo, José Luis Rodríguez, entre outros autores.

ESCULTURA

Fondo de pezas escultóricas de diversos autores galegos dos séculos XVIII ao XX. Pezas de arte sacro como as tallas de “San Pedro” do mestre José Ferreiro, e o “San Gil” da Escola Galega do XVIII; iconografía mariana de Trapote Mateo, a “Virxe do Cristal” de Arturo Brea, a “Virxe do Carmo” do grande mestre Asorey e outras obras de José Juan. Os bustos de “Beethoven” de Ángel Ferrant, de “Rafael González Villar” e de “Francisco Fernández Cabrera” de José Juan, “Cabeza de Zeus” de José Luis; así como obras contemporáneas de García de Buciños, Acisclo Manzano e Suso de Marcos.

Outras pezas como o busto de “Ángel del Castillo” de José Escudero Couceiro e o de “Fernando Álvarez de Sotomayor” de José Juan González, están depositadas no Museo de Belas Artes da Coruña.

ARTES DECORATIVAS

A Academia conta cunha importante e representativa colección de cerámica de Sargadelos (mambrús, candeeiros, xarras, almofías, sopeiras, fontes, ensaladeiras, pratos e figuras), e outras interesantes pezas de cerámica como tinallas e xarróns de Talavera, pratos, bandexas de Pickmann, Adams & Sons, Alcora, e figuras de porcelana europea do século XIX.

Obxectos de Arte sacro como un crucifixo de madeira e marfil, relicarios, gravados iluminados de San Roque, V.G. Huberti e de San Nicolás de T.H. Van Averden, enmarcados en marfil e nácar, ambos do século XVIII, ou unha casulla co seu manípulo de texido de seda, liño e pasamanería con decoración vexetal en fío de ouro.

Outros obxectos de gran delicadeza son os abanos: un chinés, con país integrado por personaxes con rostros realizados en marfil; e outro isabelino con variñas en marfil, país decorado con parella, ánxos e motivos florais sobre fondo en ouro.

GRAVADO

Colección de 500 gravados procedentes na súa maioría da Calcografía Nacional dos séculos XVIII ao XX, inventariada e catalogada recentemente, con reproduccións fotográficas de cada un deles para facer posible as consultas dixitais e evitar o risco de deterioro do papel.

Para futuras exposicións realizouse unha clasificación por temáticas: Velázquez; Mestres do Renacemento Italiano; A pintura Barroca de Lucas Jordán; Escola Española de pintura Barroca; Mestres da pintura Rococó en España; o Gravado no Século XIX: Costumbrismo e Historia; O Grabado e a Mitoloxía; A pintura Barroca Italiana, así como unha colección de láminas alemanas relativas á Historia Gráfica do Traxe.

A serie composta por 40 gravados da “Tauromaquia” de Goya actualmente está depositada e exposta no Museo de Belas Artes da Coruña dada a carencia de espazos na sede Académica.

Asimesmo a Academia tamén posúe unha interesante colección de gravados de artistas contemporáneos do século XX como Prieto Nespeireira, Emilio de la Iglesia Caruncho, Jesús Núñez, Emilio de la Iglesia Caruncho, Santiago Mayer ou da nova xeración de gravadores ligados ao CIEC de Betanzos Anne Heyvaert e Omar Kessel.

Para a súa debida custodia adquiríronse mobles planeiros e diferentes tipos de papel neutro para a súa almacenaxe, seguindo os criterios de conservación do Departamento de “Cartografía y Artes Gráficas” da Real Academia de la Historia.
 
Retrato de Román Navarro (1928)
Retrato de Román Navarro (1928)