• Prza. Pintor Álvarez Sotomayor 1
    15001 A Coruña
  • De Luns a Venres: 9:00 - 16:00
    Horario de inverno

SEDE

Sede da RAGBA

HISTORIA DO EDIFICIO

A Real Academia Galega de Belas Artes en 1898 pasou a celebrar as súas sesións no pazo do Real Consulado do Mar, e no ano 1913 instalouse definitivamente nel, onde actualmente ten o seu domicilio oficial corporativo.

A fábrica do actual edificio do Real Consulado é de finais do século XVIII. Foi construido por don José Ramos para vivenda propia na actual Rúa de Panadeiras. Esta espléndida residencia fora arrendada polo Real Consulado Marítimo e Terrestre da Coruña o ano 1785, data da súa creación polo monarca Carlos III, e en 1793 pasa a ser propiedade do Estado mediante o abono ao seu propietario de 290.000 reais de vellón. Posteriormente á disolución dos consulados foi ocupado este edificio por numerosos organismos, entre moitos outros pola “Sociedad Económica de Amigos del País”, a “Cámara Agrícola y Marítima”, o “Consejo Provincial de Fomento”, a “Escuela de Náutica y Navegación” e posteriormente pola Biblioteca chamada do Consulado, Academia de Belas Artes, Museo de Belas Artes e outras institucións.

O edificio mantívose na súa parte externa tal e como era orixinariamente, salvo a modificación sufrida por elevación dun corpo ático. A construcción, de cantería, ofrece luces resgadas con balaustres de ferro e unha noble apariencia. O interior é sustancialmente o mesmo, excepto os cambios de distribución (realizados en 1941) a que obrigou o seu novo destino como sede do Museo de Belas Artes. Todas estas importantes e imprescindibles obras correron a cargo do Estado.


DISTRIBUCIÓN DO EDIFICIO

No ano 1995 o Museo de Belas Artes trasládase a un edificio de nova construcción. Desde entón a Casa do Consulado acolle a diferentes institucións. No baixo andar continuou aloxada a Biblioteca do Real Consulado. As estancias do primero andar pasaron a ser ocupadas pola Real Academia Galega de Belas Artes e o segundo andar distribuíuse en tres dependencias que dan aloxamento á Academia de Xurisprudencia e Lexislación, a Academia de Gastronomía e Academia Galega do Audiovisual.
Edificio Real Consulado
Edificio Real Consulado