MARTES DAS ARTES: DÍA 19 DE XANEIRO: CONCERTO “MARCIAL DEL ADALID. MÚSICA PARA PIANO A CATRO MANS” A CARGO DE MARGARITA VISO E JUAN DURÁN
A Real Academia Galega de Belas Artes retoma a secuencia dos “Martes das Artes”, actividades para este día da semana, na que se prosegue co concerto de piano “Marcial del Adalid. Música para piano a catro mans”, que terá lugar o martes 19 de xaneiro e será interpretado pola pianista e musicóloga dona Margarita Viso Soto e o pianista e compositor don Juan Durán Alonso.
Dna. Margarita Viso Soto
Realiza estudios no Conservatorio Profesional de Música y Declamación de A Coruña. De piano con Jeannette Romero, de armonía e contrapunto con Rogelio Groba. Amplía coñecementos con Mª. Luisa Nache (canto), José Ferrer (trompa), Carlos López García Picos (composición), Eva Alcázar, Edith Picht-Axenfeld e Noemí Novara (piano).
Como compositora é autora de diversas obras de cámara e para voz e instrumentos. Pertence á Asociación Galega de Compositores.
A súa actividade como pianista acompañante incide principalmente no repertorio da música galega e española.
Como musicóloga ten investigado sobre compositores galegos principalmente, destacando os seus traballos sobre Marcial del Adalid e José Baldomir. Pertence á Sociedad Española de Musicología e á Irmandade da Música Galega.
Crea a editorial VISO (1997) adicada á publicación de música de autores galegos.
Profesora de Solfeo y Teoría de la Música (Madrid 1985), e Pianista Acompañante (A Coruña 1998), desenvolveu o seu labor docente nos conservatorios de Zaragoza, Ponferrada e A Coruña. Xubilada no 2017.
En novembro de 2020 recibe o Premio da Crítica de Galicia, na sección de música.
D. Juan Durán Alonso
Está considerado pola crítica e público como o máis importante compositor galego da súa xeración, cun catálogo no que a ópera e a música sinfónica conviven cunha importantísima produción de música de cámara e lied, ademais de infinidade de orquestracións de música galega.
A súa obra soa con frecuencia por todo o mundo, desde Europa a EE. UU, baixo a dirección de grandes batutas do noso tempo, como Vanska, Mena, Víctor Pablo ou Gómez-Martínez entre outros. Nomes como os de Elina Garança, Gallardo- Domâs ou o mesmo Orfeón Donostiarra cantaron moitas das súas creacións mentres a súa música de cámara foi interpretada e levada ao mundo do disco por agrupacións como Zoar, Hércules Brass ou o Grupo Instrumental Século XX.
Entre outros moitos premios, Juan Durán conta co Premio da Cultura Galega 2013 e co Premio Reina Sofía 2018. É ademais membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes e da Academia da Música Valenciana.
DÍA: martes 19 de xaneiro
HORA: 20:00 horas
LUGAR: Academia Galega de Belas Artes (praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1)
As actividades do ciclo terán unha capacidade reducida a 18 asistentes polas circunstancias e normativa relacionadas coa situación provocada pola COVID-19: a reserva de praza poderase realizar no teléfono 981 211 602 ou no email info@academiagalegabelasartes.gal
Fecha: 14/01/2021
|
|
|