A Real Academia Galega de Belas Artes celebrou o 1 de xullo Sesión Ordinaria no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, na que decidiu, tras votación regulamentaria, homenaxear ao longo do 2024 e en especial o Día das Artes Galegas, 1 de abril, ao escultor cambadés Francisco Asorey.
A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da Academia no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2023 a figura homenaxeada foi o xograr Martín Codax.
Con tal motivo, o xoves, 19 de setembro ás 16:00 horas terá lugar un dos actos programados para esta edición que consistirá na inauguración da exposición “Os vieiros de Asorey”, mostra na rúa comisariada polo académico Xurxo Lobato con textos do tamén académico Felipe-Senén López Gómez e organizada pola Academia coa colaboración da Deputación provincial de Lugo que poderá visitarse na Rúa San Marcos de Lugo, ante a sede da Deputación provincial, ata o 17 de outubro.
Esta inauguración está encadrada dentro dos actos programados na xornada “Francisco Asorey”, coordinada pola académica numeraria Mónica Alonso que se desenvolverá ese mesmo xoves, 19 de setembro, na cidade de Lugo. Comezará coas visitas guiadas ás 10.30 horas no parque Rosalía de Castro e se levarán a cabo ao longo da mañá.
A xornada reanudarase ás 16:00 horas coa inauguración da exposición Os vieiros de Asorey e continuará ás 16.15 horas no Salón de actos da Deputación de Lugo con dúas conferencias, presentadas polo presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, e a Deputada de Cultura, Iria Castro Fernández.
Tras estas dúas conferencias a cargo de Maribel Iglesias Baldonedo e Aurelia Balseiro, se celebrará, ás 18.15, unha mesa redonda que moderará a académica Mónica Alonso e na que participarán Álvaro de la Vega, Xosé Cid e Blanca Besteiro
Para consultar folleto divulgativo da exposición premer acó.