A Real Academia Galega de Belas Artes celebrou o seu plenario mensual o pasado sabado 29 nesta ocasión no Concello de Lalín, convidados polo mesmo, xornada seguida de varios actos con motivo da secuencia de celebracións arredor do escultor Asorey no que neste ano 2024 é homenaxeado no Dia das Artes Galegas, encontro académico no que por unanimidade o pleno, presidido por Manuel Quintana Martelo, acordou dedicar a celebración do dia 1 de Abril do 2025 ao creador Isaac Diaz Pardo.
A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da Academia no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2024 a figura homenaxeada foi o escultor cambadés Francisco Asorey.
A Academia Galega de Belas Artes tivo en conta para esta dedicación os seus numerosos méritos. Á súa condición de destacado representante da arte galega como ilustre pintor e ceramista, únese a súa profunda vinculación ao longo de máis de medio século na nova etapa da restauración da Cerámica de Sargadelos, a que Díaz Pardo, ademais dunha empresa, concebiu como centro de investigación, tecnoloxía, deseño e difusión das artes e da cultura de Galicia; creador e impulsor das Cerámicas do Castro, do Laboratorio de Formas de Galicia (xunto con Luis Seoane, homenaxeado no Día das Artes Galegas 2019), das Edicións do Castro, do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, do Laboratorio Xeológico de Laxe, e do Instituto Galego de Información, entre outros.
O artista e intelectual Isaac Díaz Pardo ingresou como académico de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes o 16 de xuño de 2009 nun acto celebrado na sede da Institución e é unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas do noso país.