A Real Academia Galega de Belas Artes celebrou o 1 de xullo Sesión Ordinaria no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, na que decidiu, tras votación regulamentaria, homenaxear ao longo do 2024 e en especial o Día das Artes Galegas, 1 de abril, ao escultor cambadés Francisco Asorey.
A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da Academia no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2023 a figura homenaxeada foi o xograr Martín Codax.
Con tal motivo, o venres 22 de novembro terá lugar un dos actos programados para esta edición que consistirá na inauguración da exposición “Os vieiros de Asorey”, mostra na rúa comisariada polo académico Xurxo Lobato con textos do tamén académico Felipe-Senén López Gómez e organizada pola Academia e coa colaboración do Concello de Ferrol que poderá visitarse no Cantón de Molíns en Ferrol ata o 22 de decembro.
Para consultar folleto divulgativo da exposición premer acó.