Os días 6, 7 e 8 de novembro de 2024 terán lugar, no Teatro Colón da Coruña, ás 20.00 h., tres concertos para conmemorar o 175 aniversario da fundación da Real Academia Galega de Belas Artes.
Participarán as corais e orquestras decanas da cidade da Coruña: “Cántigas da Terra”; Coral Polifónica “El Eco”; Coral Polifónica “Follas Novas”; Coral Polifónica “Sporting Club Casino”; Banda Militar (“Unidad de Música del Cuartel General del Mando de Apoyo a la Maniobra”); a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música; e a Banda Municipal de Música.
Os concertos estarán integrados exclusivamente por música de compositores galegos, históricos e actuais. Máis de 30 autores, entre os que destacan os compositores que foron académicos da Sección de Música da Real Academia Galega de Belas Artes como Rodrigo A. de Santiago; Alberto Garaizábal; Eduardo Rodríguez-Losada ou Adolfo Anta entre outros.
Con estes concertos quérese lembrar o que se levou a cabo fai xustamente 75 anos, en 1949, no Teatro Rosalía de Castro, cando se celebrou o centenario da fundación da Real Academia. Tamén entón participaron as agrupacións instrumentais e vocais de máis relevo da nosa cidade, incluíndo música de compositores membros da Academia.
Eses tres días serán, pois, xornadas de festa non só para conmemorar estes 175 anos de existencia da Real Academia Galega de Belas Artes, senón tamén para celebrar a verdadeira festa da nosa música galega.
Unha música que segue chea de alento grazas á vocación e constancia de tantos homes e mulleres que traballaron e traballan para poñer en valor a banda sonora das nosas vidas.
Estes concertos levaranse a cabo grazas á colaboración desinteresada dos intérpretes e compositores participantes, e ao auspicio da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña, a través da súa Concellería de Cultura e Turismo.
Para consultar catálogo premer acó
Para ver tríptico pramer acó