O vindeiro martes 19 de novembro terá lugar ás 20 horas na Real Academia Galega de Belas Artes un concerto a cargo do Ensemble Belle Epoque, integrado por: Beatriz Rodríguez, violín; Javier Cedrón, violín; Diego Segade, viola e Juancho Almarza, violonchelo. O recital incluirá as pezas: Cuarteto n.º 6 en do menor de Eduardo Rodriguez Losada, que será interpretado en público por primeira vez; Adagio para cuarteto de cordas de Fernando Buide e Cuarteto de cordas en mi bemol de Fanny Mendelsson.
O Ensemble Belle Epoque, leva unha andadura musical de máis de dez anos. Integrado por músicos coruñeses (de nacemento ou de adopción), ten participado nas principais institucións musicais da nosa cidade como Universidade da Coruña, Museo de Belas Artes e Circo de Artesáns, cunha especial atención á música dos nosos días e do noso entorno. Especial relevancia tivo a súa participación nos actos de conmemoración da estadía de Picasso en A Coruña. Ten estreadas obras de Francisco Lara e Juan Pérez Bernat. Para a presente tempada realizarán a gravación da Suite Coruñesa do compositor Fernando Vázquez Arias.
Os seus integrantes son docentes nos conservatorios coruñeses, cunha dilatada traxectoria pedagóxica e artística, sendo fundadores de agrupacións como Orquestra Gaos ou Orquestra de Cámara Galega.
O acto está encadrado nos “Martes das Artes” e terá entrada libre ata completar capacidade.
Para consultar programa premer acó