O vindeiro xoves 20 de febreiro ás 18:30 horas terá lugar no Kiosco Alfonso da Coruña (Xardíns de Méndez Núñez, A Coruña) a inauguración da Exposición “A Cidade das Artes. 175 Aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes”, mostra comisariada polo académico Fernando Agrasar e organizada polo Concello da Coruña e a Real Academia Galega de Belas Artes.
A actividade está encadrada nos actos do 175 Aniversario da Academia xunto con outras Exposicións como a itinerante composta por gravados “Os traballos de Hércules”, a dedicada á arquitectura “Arquitecturas que falan do seu tempo”, que aínda pode visitarse no Museo de Belas Artes da Coruña ou mesmo “Os Concertos do Centenario” que tiveron lugar o pasado novembro no Teatro Colón da Coruña.
No Kiosco Alfonso poderán contemplarse máis de trescentas pezas pertencentes á colección da Academia realizadas por membros da institución á que se suman outras pezas, cedidas en préstamo, que fan un percorrido pola historia da mesma, desde a creación de novas institucións dedicadas ás artes como a Escola de Belas Artes, o Museo de Belas Artes ou Museo Arqueolóxico, ata múltiples iniciativas como os Salóns de Outono, a publicación da revista Abrente, as medallas Marcial del Adalid, ou a creación do Día das Artes Galegas, dedicado nesta edición a Isaac Díaz Pardo.
A mostra poderá visitarse ata o 27 de abril.