O vindeiro 18 de marzo terá lugar ás 20 horas na Academia Galega de Belas Artes a conferencia sobre o “Proxecto Legatum”, impartida polo reposteiro Miguel Ángel Mosquera Rey. A charla estará dividida en tres partes:
Repostería e/é cultura:
Neste apartado falarase do vínculo de Fina Rei coa cultura, quen levou a andar ese camiño para transmitir algunha das nosas creacións. Unha forma de colaboración que non se adoita facer e que convirte o noso labor en algo máis que repostería.
Chocolate como material:
Vaise falar do proxecto LEGATUM que ten como materia prima principal o chocolate. É por iso que pensamos que sería interesante expoñer diversas técnicas que se poden aplicar ao chocolate para poder traballalo como se fose un material de creación artística co fin de acadar diversos acabados e funcionalidades.
Interacción co proxecto LEGATUM:
Neste apartado explicarase o proxecto LEGATUM. O percorrido dende a idea, os procesos, posta en marcha e resolución final, incluída a creación do envase como cápsula do tempo. Dicimos interactiva porque nos pareceu boa idea a de interactuar cos presentes dando a degustar, en forma de bombóns, os sabores de cada unha das pezas que forman LEGATUM a medida que falamos delas. Como punto final proxectariamos un vídeo xerado para a promoción deste proxecto, dende unha perspectiva creativa e emocional.
MIGUEL ÁNGEL MOSQUERA REY
Nado en 1971 en Allariz (Ourense) Formase na súa vila natal ata o ano 1989. No ano 1993 ponse á fronte da empresa familiar Fina Rei, que se adica á elaboración dos doces tradicionais da Vila de Allariz. Posto que desempeña ata a actualidade. No ano 1994 participa no programa LANZA para a creación e desenvolvemento da empresa galega, do IGAPE. Fórmase periodicamente en deseño e elaboración de pastelería, repostería, bombóns e chocolatería con prestixiosos chefs ao mesmo tempo que desenrola un marcado carácter autodidacta, alimentado polo tempo que pasou dende pequeno no obradoiro do negocio familiar. Fórmase en deseño de produto, estratexia de marca, estratexia comercial e marketing. Realiza cursos para o desenrolo de produto e packaging dende unha perspectiva circular e sostible. Promove o desenvolvemento de novas e orixinais creacións en repostería procurando a colaboración do ámbito cultural, no que habitualmente se apoia co fin de reforzar o marcado carácter galego da empresa Fina Rei ao mesmo tempo que pon en valor a nosa cultura. Como exemplos, ao longo destes anos acada colaboracións co escritor Alfredo Conde; entre outras, as poetisas Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa ou Sol Mariño; O pintor Xabier Varela; O escultor Acisclo Manzano. Coa colección LEGATUM vai un pasa máis alá, xa que aglutina nunha colección de chocolates de autor cinco figuras realizadas a partir de cinco creacións dos escultores Acisclo Manzano, Soledad Penalta, Arturo Andrade, Xosé Cid e Acisclo Novo. Impulsa a responsabilidade social da empresa mantendo colaboracións coa Fundación Vicente Risco apoiando o premio Antón Risco de literatura fantástica primeiro, que posteriormente muda a novela curta. Xunto a Aira Editorial fomenta a edición da colección de poesía feminina Fina Rei. Que xa conta con catro publicacións. Patrocina a iniciativa Estudos Abertos de Ourense, que ten como finalidade abrir os estudos de multitude de artistas ao público, con fin de xerar novos vínculos entre os artistas e a sociedade. Ao longo destes anos, acada a presenza deste pequeno obradoiro de repostería na meirande parte do canal de comercialización de produto de calidade ou “Gourmet”, cun matiz claramente innovador.