O vindeiro martes 25 de marzo dará comezo o Ciclo encadrado nos “Martes das Artes” “Xornadas de arqueoloxía municipal: protección, xestión e investigación das ciudades” formado por 4 ponencias a cargo dos arqueólogos municipais das catro capitais provincias galegas.
A primeira charla terá lugar o día 25 de marzo a cargo de Marco Antonio Rivas Nodar, Arqueólogo municipal da Coruña, para proseguer, xa no mes de abril, o día 15 con José María Eguileta Franco, Académico Numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e Xefe do Departamento de Arqueoloxía do Concello de Ourense, e o día 22 con Enrique González Fernández, Arqueólogo municipal de Lugo. O Ciclo rematará o día 29 coa ponencia a cargo de
Juan Castro Carrera, Arqueólogo municipal de Pontevedra.
As xornadas sobre arqueoloxía municipal queren difundir o labor dos gabinetes municipais de arqueoloxía. Estes, aínda que contan cunha tradición de varias décadas, seguen a ser uns descoñecidos, especialmente no devir cotián das cidades. Moi relacionados coa proximidade dos contextos arqueolóxicos e co pulo da arqueoloxía profesional, estas persoas profesionais e xestoras da planificación urbanística, están a contribuír na protección e coñecemento dos sitios arqueolóxicos locais, en estreita colaboración coa administración competente, a Xunta de Galicia. O coñecemento do terreo permite avanzar cara á teorización, consolidación e posta en práctica da arqueoloxía urbana e preventiva, así como na consideración do termo municipal como un espazo arqueolóxico coherente e obxecto de investigación.
Por iso a Real Academia Galega de Belas Artes inicia estas xornadas de arqueoloxía municipal contando, nesta proposta inicial, con catro arqueólogos municipais das capitais de provincia de Galicia, a sabendas de que existen gabinetes de arqueoloxía noutras cidades e vilas da nosa comunidade autónoma. As xornadas ofrecerán estratexias de xestión urbanística, protección e estudo, inicialmente, destes catro núcleos urbanos galegos dende a acción dos propios concellos, cos inherentes avances na investigación e resultados máis recentes en xacementos sinalados ou, como dixemos, na arqueoloxía urbana.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.