O vindeiro martes, 1 de abril, celebrarase o acto central do Día das Artes Galegas no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Será un evento aberto ao público que comezará ás 19:00 horas no que o presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, inaugurará o mesmo cun discurso de benvida e, a continuación, Xosé Díaz será o académico responsable de pronunciar a laudatio, titulada “Isaac Díaz Pardo ou as formas que xorden da memoria”. O acto pecharase coa intervención do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que clausurará unha celebración que contará con actuación musical durante o seu transcurso.
Os actos de homenaxe a Isaac Díaz Pardo continuarán ao longo de todo o ano e ata o 1 de abril de 2026 xa que no mes de xuño se inaugurará a exposición “A barca de Caronte” no Museo de Belas Artes da Coruña, impulsada pola Academia coa colaboración da Xunta de Galicia, e comisariada por Xosé Díaz. Nesta mostra abordarase a transición vital e profesional de Díaz Pardo da pintura á industria.
Ademais desta actividade, celebraranse durante o ano simposios, conferencias ou roteiros en diferentes puntos de Galicia, como unha charla organizada polo Ateneo de Santiago o 7 de abril en Afundación, ou outra en Lugo pola actividade industrial de Sargadelos. Elaboraranse estudos sobre a figura de Isaac Díaz Pardo e editarase un libro que se distribuirá polos centros educativos galegos pola importancia de que a xente nova coñeza a todos aqueles persoeiros que fixeron posible a cultura galega.