DÍA DAS ARTES GALEGAS
A Real Academia Galega de Belas Artes, creada no 1849 para fomentar a práctica, o estudo, contribuír á salvagarda, á sensibilización das artes e do patrimonio cultural galego, na súa Asemblea de 31 de Xaneiro de 2015, decidiu instituír o “Día das Artes Galegas”. Motivo para a exaltación, divulgación e promoción da creación en Galicia. E arredor da xornada un sólido argumento: confín habitado dende a Prehistoria, de antolóxicos monumentos megalíticos, emporio na Idade dos Metais, de sobranceiros ourives, de incontables e estratéxicos castros, arrodeados de lendas; Gallaecia de portos, faros, de enclaves romanos e suevos, que deron paso á humanización do territorio en ribeiras sacras, encrucillada de camiños a Compostela, para o nacemento do Románico e de Europa. Obradoiro de mestres construtores do Gótico. Escola de humanistas e mecenas renacentistas que fan qué Galicia brille. Confíns do contraste, do Barroco, de ilustrados que dan paso ó Neoclasicismo e a un Romanticismo de inquedos precursores, algúns deles ideólogos desta Real Academia, a súa vez creadora de escolas de arte e museos, para culminar nun singular Modernismo que abre á Contemporaneidade. País de creadores, artesáns, músicos, teóricos, profesores, mecenas, marchantes que merecen a celebración dunha xornada para reivindicar a orixe, a orixinalidade, como contribución particular á universalidade. Sirvan as limeiras da Historia das Artes Galegas como pórtico de futuro.
“A 1 DE ABRIL ASENTÁRONSE AS LIMIEIRAS DO PÓRTICO DA GLORIA POR MATEO”
Para celebrar o Día das Artes Galegas a Real Academia Galega de Belas Artes escolle o 1 de abril de cada ano, en lembranza da mesma xornada do ano 1188, data constatada no epígrafe das limeiras do Pórtico da Gloria e coa que se certifica que aquela é obra dirixida, dende os seus alicerces, polo Mestre Mateo. Cima da Arte Románica, arte europea por excelencia, pórtico que abre a camiños, que fan de Galicia encrucillada de culturas, e que mesmo sintetiza todas as artes. Da cultura, das tradicións, dos saberes dos canteiros e das relacións foi posible o Pórtico da Gloria.
FIGURAS HOMENAXEDAS
- Ano 2015: MESTRE MATEO
- Ano 2016: ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO
- Ano 2017: MARUJA MALLO
- Ano 2018: ALEJANDRO DE LA SOTA
- Ano 2019: LUIS SEOANE
- Anos 2020-2021: DOMINGO DE ANDRADE
- Ano 2022: LAXEIRO
- Ano 2023: MARTÍN CODAX
- Ano 2024: FRANCISCO ASOREY
REGULAMENTO
PARA A ELECCIÓN DE CANDIDATOS/AS
A Real Academia Galega de Belas Artes, establece un regulamento para a dedicación do “Día das Artes Galegas” conforme á normativa e ó cronograma seguinte:
Corresponderá á Academia
- A selección do homenaxeado/a que recaerá sobre unha figura que se entenda transcendental na Historia das Artes Galegas e da que terán transcorrido máis de 10 anos dende o seu pasamento.
- As fases de selección serán:
MARZO
1ª) Na Sesión de cada mes de marzo abrirase un prazo (do 1 ó 30 de abril) para a entrada de propostas, debidamente razoadas, presentadas por esta Academia así como por organismos, institucións ou asociacións culturais.
ABRIL
2ª) Na Sesión de abril crearase unha Comisión para o “Día das Artes Galegas” a celebrar no ano seguinte, formada por un membro de cada Sección, actuando de Presidente o da Academia ou persoa na que delegue, tomando nota o Secretario, que terá voz e sen voto. Durante o mes de maio esta Comisión valorará todas as candidaturas recibidas, seleccionando ata un máximo de tres. En calquera das fases destas asembleas, e no caso de empate, o Presidente terá voto de calidade.
MAIO
3º) Na Sesión do mes de maio a Comisión presentará ó Pleno as propostas finalistas.
XUÑO
4º) Na Sesión de xuño o Pleno elixirá entre os finalistas o nome do homenaxeado-a.
5º) Esta Comisión seguirá a traballar en todo o relativo ao “Día das Artes Galegas” ata que no mes de marzo do ano seguinte se nomee unha nova Comisión.