No pasamento da pianista Mercedes Goicoa, Presidenta da Academia Galega de Belas Artes
O pasado venres, día do San Martiño, tan celebrado na tradición galega, falecía na súa cidade da Coruña a pianista Mercedes Goicoa Fernández (1928-2022). Unha longa vida e un currículum musical intenso e impecable: formada no Conservatorio de Música de Madrid, seguidora dos consellos da súa tía Honoria Goicoa, así como de Pilar del Castillo, de Alberto Garaizábal ou de José Cubiles, admiradora e difusora da obra de Arthur Rubinstein... Premio fin de carreira entre varios outros extraordinarios, para seguir cursos en París con Lazare Lévy e George Enescu... profesores e compañeiros que enxalzaban o seu virtuosismo, a súa cortesía, afabilidade e positividade. Sobranceira como solista ou mesmo con orquestra, actividades que a levan a ter amizade co compositor madrileño, exiliado en París, Salvador Bacarisse... con Luis Galve, con M. Victoria de los Angeles, con Narciso Yepes, así como con boa parte das figuras mais representativas do panorama musical do seu tempo.
Dende 1963 ata 1993 profesora de piano no Conservatorio de Musica da Coruña, onde se caracteriza por fomentar vocacións. Recoñecida no ambiente musical de Galicia, no 1986 elixida numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes, na que ingresa co discurso sobre “Desde lo estético-expresivo en el piano a la interpretación musical”, ao que contesta Rogelio Groba.
Mercedes Goicoa atopa na academia unha plataforma para seguir a desenvolver as súas inquedanzas e sumalas as doutros prestixiosos músicos e musicólogos da Academia, entre os que estaban Rogelio Groba, Luis Iglesias de Souza ou o Padre López Calo, para propoñer e incorporar á Sección de Música a outras significadas figuras. As relacións coa organización dos encontros de Música en Compostela, os contactos e intercambios con creadores de significación internacional como o pianista mexicano Jorge Federico Osorio, co compositor, Cristobal Halfter, con Víctor Pablo Pérez que foron atraídos á Academia, mesmo outorgándolle á Orquesta Sinfónica de Galicia a Medalla de Ouro da Academia. Baixo a súa presidencia ingresaron na Academia sobranceiras figuras en relación coa música, como Ramón Castromil, Maximino Zumalave, Juán Durán ou Víctor Pablo Pérez.
Presidenta da Academia Galega de Belas Artes de 2003 ao 2014
Mercedes Goicoa caracterizábase pola súa sensibilidade, pola súa asertividade así como polo seu senso organizativo, aspectos que o colectivo académico soubo valorar para propoñela como presidenta, sucedendo así no cargo ao pintor Julio Fernández Argüelles, finado no 2002, ocupando entón e por un ano o cargo de presidenta accidental á pintora María del Villar Mateo de Arenaza. Finalmente, convocadas eleccións Mercedes Goicoa será presidenta, cargo que ocupará do 2003 ao 2014, ano no que cesa por motivos de saúde, sendo entón elixida Presidenta de Honra
A nova presidenta preocupouse fundamentalmente por crear nesta institución un colectivo unido arredor de canto afecta ao patrimonio cultural, comezando pola ampliación, rehabilitación e revitalización dos históricos espazos académicos na Casa do Consulado, abrindo canles de conversa coas diferentes administracións, o Concello, a Deputación, a Xunta de Galicia e o Estado, momentos nos que atopou no Ministerio de Cultura a un gran valedor e amigo, César Antonio Molina. Atenta a canto atinxía, en especial, aos arquivos e coleccións históricas desta Institución nacida na no 1849, creadora da Escola e do Museo de Belas Artes. Arquivos onde é sobranceiro o dedicado a Música e que coa nova presidenta incrementarase con novos legados, informatizándose e inventariándose coa colaboración da Deputación da Coruña. Do mesmo xeito ocorre coa creación do arquivo gráfico e fotográfico.
Institución que, Mercedes Goicoa non deixou illada, para coordinala con outras do Estado Español, o que faría a través do Instituto de España das Academias, onde trece destas académicas están dedicas ás Belas Artes, sendo ela a primeira e única presidenta muller. Colectivos académicos nos que era moi esperada e apreciada. Encontros e congresos onde lle daba relevancia a súa Academia, nos que insistía na actualización destas decimonónicas corporacións, a través dunha finalidade que pon en valor o senso democrático e interdisciplinar: que sexan órganos consultivos das diferentes administracións.
Polo dito e por canto queda por dicir o nome de Mercedes Goicoa Fernández queda moi vencellado á longa historia desta corporación galega.
A familia celebrará un funeral na súa memoria o vindeiro venres, día 18 de novembro, ás 18:00 horas, na Igrexa parroquial de Santiago na Cidade Vella da Coruña.
Real Academia Galega de Belas Artes
Foto: Xurxo Lobato