Co gallo do “Día das Artes Galegas 2024”, o vindeiro martes 26 de marzo dará comezo un Ciclo composto por 4 conferencias dedicado ao escultor “Francisco Asorey”, figura homenaxeada nesta edición.
Asorey é un dos renovadores da Arte Galega, cunha intensa, singular e monumental obra repartida por toda Galicia, Euskadi e mesmo Cataluña, Bos Aires e Montevideo. Obra de carácter modernista, que busca os contrastes, mesmo de pedras e madeiras, con fondo simbolismo, esencialmente baseado nas tradicións galegas, as que entendía, como moitos compañeiros galegos de xeración, nesa interrelación céltica de paisaxe e paisanaxe.
A primeira conferencia titulada “O espírito na escultura de Asorey” terá lugar o martes 26 de marzo e será impartida polo historiador da cultura galega e académico Felipe-Senén López Gómez. O día 1 de abril, Maribel Iglesias Baldonedo, historiadora e investigadora, impartirá a palestra “Forma e símbolo na escultura de Francisco Asorey”. O Ciclo continuará o martes 2 de abril coa charla “Francisco Asorey no seu contexto” a cargo do Catedrático de Historia da Arte José Manuel López Vázquez. Por último, o mércores 3 de abril concluirá o Ciclo coa conferencia “Espazos de Asorey en Compostela (Un paseo por Santiago de Compostela con Francisco Asorey” que será impartida pola filóloga e investigadora Mercedes Espiño Amil.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.
Para ver o tríptico premer acó