A un tempo que a Real Academia Galega de Belas Artes celebra a dedicación do ano 2024 a Francisco Asorey acordou, por mor da celebración do "Día das Artes Galegas", abrir o prazo de propostas para a dedicación do vindeiro ano 2025 e de tal xornada a unha figura senlleira das artes de Galicia. A centenaria institución, seguindo o Regulamento para a elección de candidaturas, outorga o prazo do 1 ao 30 de abril para entrada de propostas debidamente razoadas que deberán ser dirixidas á Real Academia Galega de Belas Artes (praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. 15001 A Coruña) ou ao mail info@academiagalegabelasartes.gal por organismos, institucións ou asociacións culturais. A primeira dedicación do día 1 de Abril, foi no 2015 ao Mestre Mateo, a do 2024 dedicouse a Francisco Asorey.
REGULAMENTO
PARA A ELECCIÓN DE CANDIDATOS/AS
A Real Academia Galega de Belas Artes, establece un regulamento para a dedicación do “Día das Artes Galegas” conforme á normativa e ó cronograma seguinte:
Corresponderá á Academia
A selección do homenaxeado/a que recaerá sobre unha figura que se entenda transcendental na Historia das Artes Galegas e da que terán transcorrido máis de 10 anos dende o seu pasamento.
As fases de selección serán:
MARZO
1ª) Na Sesión de cada mes de marzo abrirase un prazo (do 1 ó 30 de abril) para a entrada de propostas, debidamente razoadas, presentadas por esta Academia así como por organismos, institucións ou asociacións culturais.
ABRIL
2ª) Na Sesión de abril crearase unha Comisión para o “Día das Artes Galegas” a celebrar no ano seguinte, formada por un membro de cada Sección, actuando de Presidente o da Academia ou persoa na que delegue, tomando nota o Secretario, que terá voz e sen voto. Durante o mes de maio esta Comisión valorará todas as candidaturas recibidas, seleccionando ata un máximo de tres. En calquera das fases destas asembleas, e no caso de empate, o Presidente terá voto de calidade.
MAIO
3º) Na Sesión do mes de maio a Comisión presentará ó Pleno as propostas finalistas.
XUÑO
4º) Na Sesión de xuño o Pleno elixirá entre os finalistas o nome do homenaxeado-a.
5º) Esta Comisión seguirá a traballar en todo o relativo ao “Día das Artes Galegas” ata que no mes de marzo do ano seguinte se nomee unha nova Comisión.